Consello Escolar‎ > ‎

26N: Duplícase a participación nas eleccións

publicado a la‎(s)‎ 26 nov. 2012 15:22 por ANPA As Lavandeiras do CEIP Manuel Murguía
A porcentaxe de participación das familias aumenta do 13,51% de hai dous anos ao 24,6% neste 2012.

Realmente este é o dato máis salientable, o aumento na participación das familias na vida escolar nestes últimos 2 anos, dende a constitución desta ANPA, a progresión é xeométrica, tanto en número de asociados, como de matriculacións, usuarios de comedor, participantes nas actividades ou, como puidemos comprobar hoxe, no número de votantes e candidaturas para representar ao sector de pais/nais no consello escolar.


O censo, composto polas nais, pais ou titores legais dos alumnos do colexio, pasou de 111 no ano 2010 a 183 nas eleccións deste ano 2012, incrementándose tamén o número de votantes de 15 a 45 o que supón que a participación prácticamente foi do dobre en termos porcentuais: do 13,51% ao 24,6%.

Como sabedes no Consello Escolar as familias están representadas por Daniela Reguera e Daniel Cameselle pero este ano, debido ao aumento de unidades educativas do centro, varía a composición do Consello Escolar aumentando un representante no sector dos mestres e outro no sector dos pais/nais que era o que se elixía hoxe. No sector dos mestres continúa Rosa e incorpóranse Fina e María. Pola banda das familias presentáronse tres candidatas: Sonia, Susana e Yoana, as que lle agradecemos dende aquí a súa implicación.

As tres candidatas achegábanse esta tarde a mesa electoral para exercer o seu dereito ao voto

As 19:30 remataba a xornada electoral e os integrantes da mesa contan os votos, que sitúan a Yoana como a nova representante das familias no Consello Escolar con 21 votos, seguida de  Sonia con 15 e Susana con 9, que serán suplentes no caso de que haxa algunha baixa no sector de pais nestes próximos dous cursos.


Tamén chama a atención que máis do 83% dos votantes son nais e pais de alumnos de Educación Infantil ciclo no que, se ben é certo, hai matriculados algo máis da metade dos alumnos totais do CEIP Manuel Murguía. 

O vindeiro luns, 3 de decembro, terá lugar a sesión constitutiva do novo Consello Escolar. 
Comments